Cofinanciado por la Unión Europea. Las opiniones y puntos de vista expresados solo comprometen a su(s) autor(es) y no reflejan necesariamente los de la Unión Europea. Ni la Unión Europea ni la autoridad otorgante pueden ser considerados responsables de ellos.

PAC E AKIS

De que xeito está a contribuír o agro á conservación da paisaxe e á biodiversidade?

Cofinanciado por la Unión Europea. Las opiniones y puntos de vista expresados solo comprometen a su(s) autor(es) y no reflejan necesariamente los de la Unión Europea. Ni la Unión Europea ni la autoridad otorgante pueden ser considerados responsables de ellos.

Coñecemos proxectos en terras agrarias que contribúen a coidar o entorno natural, un obxectivo prioritario na nova PAC. Analizamos ademais como é a nova PAC en relación á biodiversidade agraria galega

Reforzar a protección do medio ambiente é un dos obxectivos principais para a nova PAC, que entrará en vigor o 1 de xaneiro do 2023. Unha das vías para conseguilo é preservar a biodiversidade, de aí que pasen a incluírse novas esixencias neste senso para as explotacións agrarias. Así, tanto nas Boas Condicións Agrarias e Medioambientais (chamadas BCAM) coma nos ecorréximes resérvanse diferentes porcentaxes da superficie manexada polas ganderías para favorecer a biodiversidade.

As Boas Condicións Agrarias e Medioambientais forman parte da condicionalidade da PAC a partir do 2023, polo que as explotacións terán que cumprir cos seus principios para evitar penalizacións nas axudas.

  • BCAM 1 Mantemento dos pastos permanentes (a nivel de rexión agrícola). A UE verificará anualmente que non se reduzan en máis dun 5%.
  • BCAM 2 Protección de zonas húmidas e turbeiras, que non se poderán rozar.
  • BCAM 3 Prohibición de queima de residuos vexetais na superficie afectada pola condicionalidade, excepto por razóns fitosanitarias.
  • BCAM 4 Creación de franxas de protección de 5 metros nas marxes dos cursos de auga, nas que non se poderán aplicar fertilizantes, fitosanitarios nin segar.
  • BCAM 5 Xestión do laboreo para evitar a erosión. Non se poderá labrar no sentido da costa en terreos que superen o 10% de pendente.
  • BCAM 6 Cobertura mínima do solo en períodos e superficies sensibles.
  • BCAM 7 Rotación de cultivos.
  • BCAM 8 Porcentaxe mínima (4%) da superficie agrícola adicada a superficies ou elementos non produtivos.
  • BCAM 9 Prohibición de converter os pastos permanentes de importancia ambiental en zonas de Rede Natura.
  • BCAM 10 Fertilización Sostible.

Neste novo marco, como sinalan desde o sector da investigación, Galicia pode saír beneficiada, dadas as propias características da ordenación tradicional do territorio na comunidade. Nunha rexión cun importante minifundismo, aínda presente en boa parte dos municipios, e con gran diversidade de solos e paisaxes en mosaico, as políticas que buscan conservar esta identidade poden converterse nun aliado para os produtores, mediante a “remuneración dun servizo ecosistémico” do mantemento da paisaxe e a biodiversidade.

En Galicia estamos perdendo, polo abandono e por usos indebidos do solo, a sabedoría que tiña a paisaxe tradicional, que ofrecía unha maior resiliencia contra os lumes, erosión e pragas (fauna útil), incluíndo unha maior biodiversidade

Juan Castro, investigador do CIAM

“En Galicia tiñamos unha paisaxe que estaba á vangarda en biodiversidade, tal e como xa recolleron expertos coma o xeógrafo francés Abel Bouhier nos anos 70, dando conta da variedade da paisaxe galega, que inclúe dende agros, socalcos ou zonas húmidas…”, detalla o investigador Juan Castro, que traballa no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).

Accións que favorecen a biodiversidade

Á hora de preservar a biodiversidade, gandeiros e agricultores, como xestores activos do territorio, teñen a oportunidade de incluír prácticas que favorezan maior presenza de fauna e flora diversa. Un exemplo de posibles accións son as que recolle a Guía para a conservación da biodiversidade agraria de Galicia (Xunta), cuxa elaboración dirixiu o investigador Juan Castro. Entre as medidas que propón a guía, algunhas das principais a ter en conta son as seguintes:

  • Manter unha adecuada carga gandeira, de xeito que se evite esgotar os recursos naturais.
  • Contar con árbores autóctonas dispersas na zona de pasto. É unha práctica que ata o de agora penalizaba á hora de tramitar a PAC, pero no novo ciclo da PAC hai a oportunidade de incluír estas árbores como elementos singulares da paisaxe, de xeito que contabilicen dentro das superficies non produtivas (BCAM 8).
  • Conservar as sebes e os peches tradicionais, que son tamén acubillo para a fauna, ó servir de refuxio para réptiles, polinizadores ou paxaros. O investigador Juan Castro incide en que as sebes son unha alternativa para mellorar a biodiversidade nas proximidades das ganderías de vacún intensivo, que en comparación coas de pastoreo, teñen máis dificultades para incorporar este tipo de prácticas. Así, a colocación de sebes vexetais nas proximidades das fosas do xurro ou a modo de peche dos patios do gando pode favorecer a presenza de maior fauna, así como protexer ó gando do vento.
  • Respectar as marxes dos cultivos, con franxas sen traballar.
  • Dispoñer de charcas ben xestionadas.
Guía para a conservación da biodiversidade agraria de Galicia

Ganderías que traballan xa tendo presente a importancia da biodiversidade

En Galicia, asesores e gandeiros levan anos apostando dun xeito activo pola conservación da biodiversidade, de forma parella á actividade agraria que desenvolven. As boas prácticas introducidas adoitan ser estratexias de ‘gañar – gañar’, pois moitas das accións supoñen melloras para as ganderías, a parte de favorecer ó medio ambiente. Coñecemos a experiencia de técnicos e entidades que colaboran na materia con explotacións agrarias, así como exemplos de boas prácticas.

Custodia agraria do territorio en ganderías de Lugo

A Asociación de Custodia do Territorio colabora activamente con gandeiros de diversas comarcas de Lugo para promover este tipo de accións, con proxectos adaptados á realidade do campo. Un exemplo son as iniciativas que desenvolven con Joan Alibés, técnico e gandeiro de ovino e caprino, e con Quico Ónega, tamén gandeiro de ovino e investigador na Universidade de Santiago.

“Unha primeira acción nas dúas ganderías foi a de habilitar pequenas charcas de rega, un elemento moi propio da paisaxe tradicional galega, pero que coa gandería intensiva e o abandono se foi perdendo”, explica Martiño Cabana, biólogo colaborador da Asociación. Así, no caso da gandería de Quico, optaron por recuperar unha antiga charca, proporcionando ó mesmo tempo unha zona para que as ovellas puideran beber e un espazo idóneo para a recuperación de anfibios.

Na gandería de Joan Alibés non dispuñan de antigas charcas, polo que optaron pola súa construción, de xeito que se trata tamén dunha poza de maior profundidade, que serve de hábitat a outras especies, ó tempo que fai de reserva para outros pequenos encharcamentos próximos.

Outra das accións que levaron a cabo é a construción ou recuperación de sebes, ben sexan con vexetación, ben antigos muros de pedra de xunta seca. “Dáselle moi pouca importancia, pero as sebes e os muros tradicionais son moi relevantes para a conservación da biodiversidade, xa que permiten habitar unha gran variedade de especies”, concreta o biólogo. 

Este tipo de accións da Asociación Galega de Custodia do Territorio adoitan complementarse con iniciativas paralelas, como a colocación de niños e caixas refuxio para aves e morcegos. Ambas son medidas que favorecen a presenza de depredadores naturais para moitas das pragas que afectan directamente ás pradeiras, co que o beneficio é de novo mutuo: para o medio ambiente e para a gandería.

Impacto da PAC

As prácticas das ganderías en custodia agraria do territorio cumpren así xa con moita parte dos requisitos ambientais mínimos que marca Europa, a chamada condicionalidade reforzada da PAC (conservación de zonas húmidas e de marxes fluviais, mantemento de sebes, etc.). Alibés percibe tamén axudas agroambientais da PAC polo mantemento dos pastos permanentes nas súas terras.

Desde o sector sinalan que sería interesante que zonas húmidas, sebes ou marxes fluviais se poidan detallar nas solicitudes da PAC de cada explotación, a fin de que poidan entrar no cómputo dos elementos non produtivos, que teñen que sumar un mínimo do 4% da superficie (BCAM 8).

“Para que os elementos singulares da paisaxe se poidan incluír nas solicitudes, terían que aparecer na cartografía do Sixpac. Debería existir ou ben un sistema para incluílos, ou ben que aparecesen mapeados por defecto no Sixpac” valora Joan Alibés.  A outra alternativa sería a presentación de alegacións ó Sixpac por parte do produtor interesado en incluír eses elementos.

Coidado das marxes fluviais en comarcas agrarias da Coruña

Outro caso de introdución de boas prácticas ambientais no agro é o que vén desenvolvendo nos últimos anos o garda fluvial Eloi Rodríguez en colaboración con ganderías das comarcas agrarias da Barcala, Xallas ou o Sar, na provincia da Coruña.

O mantemento de marxes de ribeira sen traballar é unha práctica que Eloi reivindica como moi beneficiosa para a biodiversidade.

Este tipo de manexo, que xa viñan desenvolvendo algunhas granxas, formará parte desde o 1 de xaneiro do 2023 da condicionalidade reforzada da PAC, que obriga ós produtores a deixar unha franxa de 5 metros sen traballar desde as marxes fluviais.

Eloi Rodríguez valora como positivo ese cambio acordado por Europa, pero apunta que sería preciso que veña acompañado de modificacións en Galicia na delimitación dos recintos PAC, pois ata agora as marxes fluviais computábanse como forestais, de xeito que eran superficies que non se incluían nas solicitudes da PAC das explotacións.

Do mesmo xeito que nas marxes fluviais, a recuperación de zonas húmidas como brañas, que en ocasións sofren transformacións coa actividade agrogandeira, é outra das boas prácticas que Eloi trata de fomentar, pois as brañas, a parte de favorecer maior biodiversidade, representan unha fonte de recarga de auga para os acuíferos e capturan carbono atmosférico.

221220 Foto Artigo PAC 2 UE
Facebook
LinkedIn
Twitter
Telegram
WhatsApp
This site is registered on wpml.org as a development site.