Cofinanciado por la Unión Europea. Las opiniones y puntos de vista expresados solo comprometen a su(s) autor(es) y no reflejan necesariamente los de la Unión Europea. Ni la Unión Europea ni la autoridad otorgante pueden ser considerados responsables de ellos.

PAC E AKIS

A formación, clave para fomentar a incorporación con éxito da mocidade ao agro

Cofinanciado por la Unión Europea. Las opiniones y puntos de vista expresados solo comprometen a su(s) autor(es) y no reflejan necesariamente los de la Unión Europea. Ni la Unión Europea ni la autoridad otorgante pueden ser considerados responsables de ellos.

O fomento da remuda xeracional de agricultores e gandeiros é un dos alicerces da nova Política Agraria Común (PAC) para o período 2023-2027. Falamos con representantes do sector primario de Galicia e Portugal que inciden na importancia da formación para que a xente nova se incorpore con éxito á actividade agraria

A Unión Europea ten un grave problema de seguridade alimentaria: cada vez hai menos mozos e mozas que queiran traballar na agricultura e na gandería, dous sectores clave para garantir a alimentación da poboación europea e para manter o pulo dun sector, o agroalimentario, que é líder en exportacións na UE, con 184.000 millóns de vendas ao exterior en 2020.

Como reflexo da situación, soamente o 11% dos donos de explotacións gandeiras e agrícolas europeas teñen menos de 40 anos, unha porcentaxe aínda máis baixa en España e en Portugal.

Para afrontar este desafío, a nova Política Agraria Común (PAC) para o período 2023-2024 marcouse como un obxectivo prioritario fomentar a remuda xeracional de agricultores e gandeiros.

Pero para atraer mozos e mozas ao campo e que se incorporen con éxito, a formación constitúe unha peza clave, entre outras. Para coñecer como debe enfocarse e que tipo de novo agricultor e gandeiro se demanda falamos con profesionais de Galicia e Portugal que forman parte do Sistema de Coñecementos e Innovación Agrícolas (AKIS polas súas siglas en inglés).

A importancia de que na formación participen o resto de integrantes do AKIS

Neste sentido, a participación do resto de integrantes do AKIS -asesores, gandeiros e agricultores xa instalados, empresas ou centros de investigación- é algo no que coinciden os responsables da docencia de cara a mellorar a formación dos futuros produtores.

Así, Luis García Fernández, director do Centro de Promoción Rural – EFA Fonteboa (Coristanco-A Coruña), un dos referentes na formación profesional no sector agrogandeiro en Galicia, e con varias décadas de experiencia na docencia, defende a extensión do modelo que se aplicou neste centro. “Levamos moitos anos facendo a formación profesional en alternancia, unha modalidade da FP dual pero cunha forte implicación dos profesionais do entorno, tanto expertos como gandeiros, empresas de subministracións agrarias, asesores, etc., onde os estudantes realizan prácticas ao longo do curso”, destaca.

Neste sentido, considera que “a iniciativa de dar participación aos chamados AKIS para mellorar a formación do alumnado debe partir dos propios centros, para deste xeito gañar eficiencia na formación”.

En Portugal os docentes tamén coinciden na relevancia de dar participación aos integrantes do AKIS na formación dos futuros produtores. Así, Filipe Teixeira Ribeiro, docente na Escola Profissional de Agricultura e Desenvolvimento Rural de Vagos (EPADRV), destaca que “temos relacións de colaboración cos axentes que operan no sector agrogandeiro e agroalimentario, non só porque o plan de estudos establece que os alumnos realicen prácticas reais, (…), senón que tamén establecemos colaboracións con centros de investigación das universidades”. Esta última colaboración persegue dous obxectivos: “As universidades son polos de creación de coñecemento que é preciso aplicar no campo, e que os nosos alumnos interioricen que a I+D pasa polo mundo académico, pero hai que trasladar ese coñecemento á practica, ao campo”.

Nesta liña traballan tamén os grupos operativos, un conxunto de axentes de distintos perfís vinculados ao medio rural que se unen para desenvolver solucións a problemas compartidos a través de proxectos innovadores financiados pola PAC. Ademais, para mellorar as sinerxías entre o mundo investigador e os centros de formación, e así estimular o relevo xeracional, o docente da EPADRV defende que “a PAC debería contar con fondos específicos para que as escolas profesionais agrícolas puidesen construír e dinamizar proxectos de investigación aplicada en consorcio con centros de investigación, como os das universidades”.

“Existen moitas ideas que xorden nas escolas profesionais pero que é preciso ter este apoio externo dos centros de investigación ao nivel de ensino superior, para testar esas ideas e levalas á práctica. Creo que o futuro ten que pasar por aí”, subliña.

O perfil que se demanda de novo agricultor e gandeiro: Formado pero con iniciativa

E cal é o perfil de novo gandeiro ou agricultor que se demanda? Luis García destaca que “cambiou moito”. “Se anos atrás -precisa- falábase moito da capacitación profesional agraria, hoxe en día os perfís que se piden son máis polivalentes e demandan persoas con capacidade operativa pero tamén de xestión e toma de decisións, capacidade de análise, habilidades sociais e visión prospectiva, non só executoria”.

Unha conclusión que tamén comparte o seu homólogo portugués Filipe Ribeiro: “As empresas procuran mozos dinámicos, formados e con capacidade para o mundo dixital, pero sobre todo que sexan proactivos”.

A visión dos asesores agrarios: “Non se nos ten conta na formación”

Álvaro Núñez é asesor de explotacións agrogandeiras da provincia da Coruña e membro da Asociación de Asesores Rurais de Galicia. En que consiste esta figura e por que é importante para fomentar o relevo xeracional no agro? “Os asesores non deixamos de ser uns intermediarios entre os mozos e mozas que se incorporan ao sector e a Administración á hora de xestionar axudas, permisos, etc. Ao mesmo tempo cubrimos outras necesidades como poden ser o compartir información, elaborar plans empresariais ou proxectos de futuro para as explotacións, entre outros, e iso fai que sexamos unha peza fundamental para a incorporación da xente nova”, responde.

Con todo, lamenta que “aos asesores non se nos ten en conta na formación regrada e obrigatoria da mocidade, paso previo á súa incorporación, o cal creo que é un erro”.

Ademais, Álvaro Núñez bota en falta que na PAC non exista unha liña de axudas específica para a formación e o asesoramento da xente que se incorpora, para garantir así o éxito destas incorporacións.

No Norte de Portugal os asesores técnicos inciden na necesidade de que participen non só na formación, senón tamén presten unha labor de apoio durante os primeiros anos de instalación dos novos gandeiros e agricultores.

Así o destaca Jaime Carneiro, técnico da Associação dos Jovens Agricultores de Portugal (AJAP) e gandeiro de vacún de leite nunha granxa familiar en Vila do Conde (Norte de Portugal). “O máis importante -asegura- para fomentar o relevo xeracional no agro é que os novos agricultores sexan apoiados para instalarse na actividade agrícola e que a PAC se marque iso como unha prioridade (…), pero tamén sería importante que nos primeiros anos tivesen acompañamento técnico”. E é que, tal e como advirte “moitos novos produtores non teñen éxito na súa instalación por falta dese acompañamento”.

Ismael García, mozo gandeiro de Santa Comba, coincide con esa reflexión. Incorporouse no ano 2017 á granxa familiar, Gandería Pistulario, despois de ter cursado o Ciclo de Produción Agropecuaria no Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa. A súa incorporación permitiulle a esta gandería ampliar con axudas da PAC a nave de recría e mercar un robot arrimador de comida. Hoxe en día moxen 130 vacas e contan con 88 hectáreas de base territorial. Cinco anos despois de incorporarse, considera que ademais da axuda para a instalación, “sería necesario máis asesoramento durante os primeiros anos, e sobre todo máis formación por parte da Administración”.

Paralelamente, Jaime Carneiro destaca a importancia dun servizo de extensión agraria de carácter público e independente, para mellorar a transferencia de coñecemento aos produtores e, en concreto, aos mozos que se incorporan. “Desgraciadamente -lamenta- en Portugal hai máis dunha década que os centros de investigación agraria están moi desligados dos agricultores e gandeiros pois o Goberno decidiu pechar as estacións experimentais rexionais, onde realizaban investigación agrogandeira que era difundida entre os produtores”.

Falan os estudantes: “As prácticas cos produtores permítennos abrir horizontes e ter unha mellor visión da realidade”

Renato Almeida é alumno da Escola Profissional de Agricultura e Desenvolvimento Rural de Vagos (EPADRV), onde está a desenvolver un proxecto de fin de curso sobre creación dun pomar de arandeiras sustentable e amigo dos polinizadores.

Para fomentar a incorporación da mocidade ao agro defende, “en primeiro lugar, apoio e incentivos por parte da Administración, pero tamén acabar cos prexuízos que hai na sociedade sobre a agricultura e a gandería”.

En canto á formación, valora especialmente o sistema de ensino dual con prácticas ao mesmo tempo en empresas do sector. “Os centros de ensino de Portugal contan con protocolos para colaborar con produtores a nivel nacional. É algo moi positivo porque permite abrir novos horizontes aos alumnos e ter unha visión da realidade do sector máis axeitada”, destaca.

O seu compañeiro de escolaSimão Rocha tamén incide na importancia de “cambiar os prexuízos sobre a agricultura, de que só é traballo duro, algo que está asentado na sociedade e que vai en contra de que a xente nova se incorpore”. “Hoxe tanto a agricultura como a gandería están moi tecnificadas e non hai que andar á aixada”, aclara.

Ademais, lanza unha pregunta que debería ser centro do debate social: “Se non hai relevo xeracional na produción de alimentos, que imos comer?”

221222 Foto Artigo 3 - alumnado EPADRV
Facebook
LinkedIn
Twitter
Telegram
WhatsApp
This site is registered on wpml.org as a development site.