Cofinanciado por la Unión Europea. Las opiniones y puntos de vista expresados solo comprometen a su(s) autor(es) y no reflejan necesariamente los de la Unión Europea. Ni la Unión Europea ni la autoridad otorgante pueden ser considerados responsables de ellos.

PAC E AKIS

Como se traballa no campo para reducir a pegada ambiental das granxas?

Cofinanciado por la Unión Europea. Las opiniones y puntos de vista expresados solo comprometen a su(s) autor(es) y no reflejan necesariamente los de la Unión Europea. Ni la Unión Europea ni la autoridad otorgante pueden ser considerados responsables de ellos.

A maior conciencia medioambiental tanto dos produtores como da sociedade, así como o novo enfoque da PAC, está mudando a xestión das explotacións cara a un modelo máis sostible. Os asesores agrarios axudan aos gandeiros a minimizar as emisións de CO2 e a reducir e racionalizar o uso de fitosanitarios e fertilizantes

A Unión Europea márcase o obxectivo, dentro da súa estratexia do Pacto Verde Europeo, de lograr no 2050 unha Europa climaticamente neutra, é dicir que non emita CO2, en todos os sectores, entre eles a produción de alimentos. A nova Política Agraria Común (PAC) que se aplicará entre 2023 e 2027 ten tamén presente estes desafíos e quere contribuir a apoiar a innovación no sector neste eido. As limitacións, e tamén as penalizacións, ás emisións de dióxido de carbono (CO2) á atmosfera, uns dos principais gases causantes do cambio climático, van chegar á granxas, tanto de produción de leite como de carne.

A nova PAC mira cara ao pastoreo, non só por ser unha vía para lograr a redución das emisións, senón porque é ademais unha forma de aumentar a materia orgánica e a capacidade de sumidoiro de carbono atmosférico no solo. A gandería extensiva, a agricultura de conservación (con sementeira directa), a rotación de cultivos e as cubertas vexetais son métodos para incrementar a captura de carbono.

O papel fundamental do asesoramento

Coa lupa da emisión de gases de efecto invernadoiro posta sobre o sector agrogandeiro, os produtores están a facer esforzos por reducir a pegada ambiental das súas explotacións, un camiño longo que se está a encetar en Galicia da man dos técnicos que asesoran ás granxas no seu día a día e que están chamados a ter un papel destacado na nova PAC. O reforzamento dos AKIS, nomenclatura coa que a Política Agrícola Común designa todo o entramado de axuda externa ás explotacións, tanto de carácter público como privado, é precisamente un dos elementos novidosos para o novo periodo de axudas europeas que comeza no 2023.

O reforzamento dos AKIS é un dos elementos novidosos para o novo periodo de axudas europeas que comeza no 2023

Haberá fondos comunitarios para a posta en marcha dun sistema de asesoramento técnico profesional coma o que xa existe noutros países, como Irlanda, por medio do Teagasc. Do bo aproveitamento destes fondos dependerá en boa medida o avance na eficiencia e as boas prácticas medioambientais das granxas en lugares como Galicia.

Fondos da PAC para incentivar o cambio de modelo produtivo

Co obxectivo de avanzar nunha produción de alimentos máis respectuosa co medio ambiente e cara a unha agricultura e gandería que axuden a mitigar o quecemento global, a Unión Europea propúxose que a nova Política Agrícola Común, que estará en vigor no período 2023-2027, incentive determinadas prácticas beneficiosas co clima e a paisaxe, que serán definidas por cada Estado membro. No caso español, a proposta de ecoesquemas, de adopción voluntaria por parte de agricultores e gandeiros, define 7 prácticas concretas que serán subvencionadas mediante axudas adicionais. Os ecoesquemas, tamén chamados eco-reximes, disporán dun orzamento anual de 1.107 millóns de €, equivalente ao 23% do orzamento das axudas directas.

Unha destas prácticas que se quere fomentar desde a PAC é o aumento da capacidade de sumidoiro de carbono dos pastos mediante o impulso ao pastoreo extensivo. As cubertas vexetais, a sementeira directa e a rotación de cultivos son outras das prácticas que se priman. En concreto, o pastoreo pagarase en Galicia a 62,16€ por hectárea e a rotación de cultivos a 92,22€ por hectárea. A partir de 65 hectáreas de pastos e 30 hectáreas de cultivo cobrarase só o 70% do importe do ecoesquema. A carga gandeira deberá situarse entre 0,4 e 2 UGM por hectárea e deberá realizarse o pastoreo con animais propios durante un mínimo de 90 a 120 días ao ano.

En Portugal, onde unha parte importante do leite se produce en base a pastoreo, caso por exemplo das Azores, a pegada de carbono sitúase en 0,89 quilos de CO2 por litro de leite, por debaixo dos niveis existentes en Galicia e dentro das recomendacións establecidas polo Panel Intergubernamental da ONU para o Cambio Climático, aínda que a crecente intensificación da produción láctea portuguesa nos últimos anos supón un risco tamén de incremento notable nas emisións.

Que é a pegada de carbono?  

Luis Cortiñas é asesor gandeiro e experto en xestión medioambiental, un campo no que leva máis de 15 anos traballando. “En si mesmo a pegada de carbono é a expresión dunha certa contaminación do aire. Mide a emisión de tres gases: CO2, metano e óxido nitroso. Pero a pegada ambiental dunha granxa, ademais da pegada de carbono, inclúe tamén a pegada hídrica e a afectación sobre a biodiversidade. A día de hoxe a pegada de carbono é quizais a máis solucionable pola tecnoloxía e o coñecemento, e para amañar a pegada de carbono non debemos derramar as outras dúas”, defende.

“Non vexo coherencia no que se está facendo, porque para amañar a pegada de carbono non podes cargarte as outras dúas, a pegada hídrica e a biodiversidade, nin podemos fomentar a liberación de óxido nitroso para reducir a de amoníaco, porque 1 quilo de óxido nitroso son 298 quilos equivalentes de CO2, non son os 25 do metano”, exemplifica.  

Non se están tendo en conta estas cousas, di, e existe un certo “tabú” á hora de falar da pegada de carbono das granxas. “O primeiro que hai que facer para poder mellorar é medir a realidade de partida, pero aquí este é un mundo que aínda está empezando”, asegura.

Un 40% de emisións por enriba das recomendacións da ONU

Luis realiza certificacións e auditorías e axuda ás granxas a mellorar neste eido. Recoñece que o sistema oficial de cálculo penaliza ás explotacións galegas, ao ter só en conta a pegada de carbono e non o uso dos recursos hídricos ou a xeración e mantemento da biodiversidade.

“Os datos que saen están a ser malos, de 1,4 kg de CO2 por litro de leite. A ONU asignounos un máximo de 1 e non se está a cumprir. Estamos un 40% por enriba do asignado polo Panel Intergubernamental da ONU para o Cambio Climático”, admite.

Luis é partidario de non obsesionarse con esas cifras, porque, di, “en Galicia estamos nun lugar no que se fas as cousas ben é doado estar por baixo de 1”. Ademais, defende, “secuestrar carbono hoxe é unha actividade industrial e non debemos obsesionarnos en competir con iso; a nosa principal responsabilidade co planeta é producir comida, non capturar carbono”.   

O cálculo que fai é que “coa produción de leite dunha hectárea deberiamos satisfacer a demanda de 32 persoas durante todo o ano, iso equivale a uns 6.500 litros por vaca. O que non chegue a ese nivel de produción non está a facer as cousas ben, por moi pouco carbono que emita”, argumenta.

Maior autosuficiencia alimentaria

Só por respirar unha vaca emite 2,3 toneladas de CO2, ao que habería que engadir as actividades asociadas de manexo e alimentación. Luis explica que “no que nós producimos temos boa pegada de carbono, pero temos tal dependencia dos insumos externos que é moi difícil reducir a pegada total da granxa”.

“O problema da soia non son os kilómetros, nin o é o flete; é a produción. A soia brasileira, que é a nosa gran fonte de subministro, ten unha pegada enorme, porque as terras da Amazonía son pobres e hai que abonar para producila. A soia producida en EEUU en boa terra, non ten esa pegada. Pero 1 kg de soia brasileira trae unha pegada de 3,70 kg de CO2, iso non o tes nun kilo de herba, por iso se eu uso 12 ou 13 kilos de materia seca de concentrado na ración, é moi difícil baixar de 1,40 kg de CO2 por litro de leite”, indica. Do mesmo xeito, di, o millo é un cultivo emisor. “Estamos emitindo 300 kg de CO2 por hectárea de superficie de millo forraxeiro cultivada (70.000 en Galicia), cando no prado son 600 kg de captura anual por hectárea, unha captura natural en base á microbiota do chan”, detalla.

Luis advirte que “a capacidade de desestocar é o dobre da que estoco” e chama a atención sobre determinadas prácticas prexudiciais, como deixar baleiras as terras do millo. “O manexo da terra non se fai moitas veces  con criterios agronómicos, senón mecánicos. Ao deixar a terra descuberta emito emisións pero, sobre todo, quedo sen terra. O dano que estamos facendo é brutal, porque estamos danando a estrutura do solo”, asegura.

Cambios na alimentación e o rabaño

Dentro do paquete de medidas a aplicar nunha gandería para reducir a pegada de carbono  é necesario traballar en distintos ámbitos. “Son cousas moi transversais e cada técnico no seu vai ter que aplicalo, pero polo xeral non hai un corpo técnico formado nestes aspectos”, di Luis, que asegura que “un terzo das accións teñen custo cero, é cuestión de cambiar hábitos, e noutro terzo o que gastas, recupéralo, é un investimento rendible”.

É necesaria formación técnica para mellorar o pastoreo e reducir a pegada de carbono

A primeira das medidas que propón é basear a produción de leite no prado para gañar autosuficiencia alimentaria. “Unha hectárea de prado permanente produce máis proteína que unha hectárea de soia”, asegura Luis, que defende que o prado debe producir, cando menos, 6,5 toneladas de materia seca ao ano, e que esta cantidade sexa a totalidade da fibra e o 90% da enerxía e a proteína que necesita a granxa (para 1,2 UGM).

Dado que para o cómputo como sumidoiro de carbono debe tratarse dunha pradeira de máis de 6 anos, é necesario traballar con resementeiras para reimplantar un tipo ou outro de herba en función da finca e o momento no que se vai pacer. “Ao prado están a pedírselle unhas funcións novas, de captura de carbono, que van máis aló de producir herba, e as sementes comerciais actuais non sabemos como se comportan nese longo prazo”, afirma.

O seguinte paso sería manexar ben o pastoreo, para o que di, é necesaria formación técnica. “Hai que levar un control do que come a vaca, porque se non pace o suficiente hai que ir a suplementar no pesebre”, explica. Neste sentido, valora o feito de que se baixaran dous puntos o valor da proteína bruta nas dietas de leite, optimizando deste xeito a parte nitroxenada da ración. A inclusión de aceites esenciais e taninos poden axudar na asimilación do inxerido, pero Luis aclara que “unha vaca que pace xa os toma ela mesma”.   A nivel de rabaño, “hai que ir a vacas que duren máis”, di. “Hai novos índices técnicos, como o de litros por día presente, que teñen que ser unha referencia. Unha produción de 12 litros por día presente fan falta só para non pasarse do quilo equivalente que aconsella o Panel climático da ONU. O primeiro parto ten que ser antes, polo que hai que facer ben a recría e empreñar antes as becerras, e os días de secado hai que reducilos, para que haxa poucos días escuros. Unha vaca que só produce a metade dos días que pasa na granxa non é eficiente”, asegura.

Outra gran vía para a redución da pegada de carbono das granxas de leite é a almacenaxe de xurro e esterco. Para iso, as instalacións deben ser as adecuadas. “Non é normal que se abone en función da capacidade do tanque de purín. Á hora de fertilizar, o primeiro é optimizar ben o que eu teño”, insiste Luis.  

A nivel enerxético, propón adaptar a potencia do tractor á necesidade do traballo. “Para que vou queimar 20 litros de gasóleo se o que estou a facer o podo facer coa metade?”, di. “A pegada de carbono o que detecta precisamente son as ineficiencias do ciclo enerxético”, conclúe.

O exemplo do selo de certificación climática Bas-Carbone en Francia

Luis Cortiñas asegura que o nivel de concienciación dos gandeiros galegos coa redución da pegada de carbono é aínda baixo. “Mentres iso non sexa trasladado ao recibo do leite é difícil convencer á xente”, recoñece. E pensa que “vai ser máis unha presión comercial que da PAC” a que faga avanzar neste ámbito.

En Galicia as demandas do consumidor nos aspectos ambientais son aínda incipientes, pero noutros países europeos condicionan en moitos casos as decisións de compra. En Francia no ano 2000 creouse a asociación Bleu Blanc Coeur, recoñecida polos Ministerios de Agricultura e de Medio Ambiente e da que hoxe forman parte máis de 4.000 granxas que teñen unha pegada de carbono inferior a 0,8 kg de CO2. O propio goberno francés puxo en marcha hai tres anos o selo de certificación climática Bas-Carbone, que busca identificar no mercado os produtos que contribúen á captura de carbono e á loita contra o cambio climático, primeiro paso para recompensar a eses produtores pola súa labor. 

“En zonas con moita carga gandeira haberá problemas para botar o xurro cando se aprobe o novo Decreto”

A redución e uso racional de fitosanitarios e fertilizantes son dous aspectos nos que a normativa europea se foi endurecendo nos últimos anos. Hai unha década introduciuse a obriga do caderno de fitosanitarios que cada explotación debe cubrir, onde se anota o nome do produto e a finca e data na que foi aplicado.

O incumprimento da normativa, en aspectos como o das franxas de protección a cauces de auga, está considerada unha falta grave, levando aparellado nalgúns casos mesmo a perda da totalidade da anualidade da PAC.

Nos últimos anos leváronse a cabo tamén distintas revisións das normativas de ordenación gandeira, con novas normas para as explotacións porcinas (RD 306/2020) e avícolas (RD 637/2021). Prepárase tamén unha para o gando vacún que se atopa aínda en plena tramitación.

As novas normas de ordenación gandeira e xestión dos estercos e xurros están a ser ferramentas claves para reducir as emisións de gases contaminantes no sector agrogandeiro

Todos estes cambios normativos buscan a redución das emisións de amoníaco na granxa con estratexias centradas na nutrición, o aloxamento dos animais e o almacenamento do esterco e o xurro producido. Neste ámbito, outro cambio lexislativo que se agarda é a entrada en vigor antes de final de ano do Decreto de Nutrición Sostible de Solos Agrícolas, en tramitación por parte o Ministerio, o que obrigará á realización de analíticas e a dispoñer de Plans de Abonado.

“En moitos casos neste momento estase abonando sen ter unha analítica de solos previa pero a partir da entrada en vigor do Decreto hai que ter analítica de todas as fincas, aínda que non ten por que ser o mesmo ano en todas”, explica Elena Piñeiro, presidenta da Asociación de Asesores Rurais de Galicia.

Desde esta Asociación defenden un modelo de asesoramento ás granxas público-privado, con participación de organismos de carácter oficial e entidades de aconsellamento privadas, para que a realización dos plans de abonado non caia nas mans das empresas comercializadoras de abonos.

Problemas para botar o purín polos topes por hectárea

Elena advirte de que en zonas onde hai moita concentración gandeira, “haberá problemas para poder cumprir cos límites máximos que fixa o novo Decreto por falta de superficie dispoñible onde botar o purín”.

O novo Decreto agárdase antes de final de ano, implicando cambios importantes na xestión do xurro. “Desde o momento no que teñas que dicir en que fincas botas o purín vas ter unas concentracións máximas, podendo botar nunha finca máis ou menos purín en función do cultivo que teñas nela”, explica.

Por exemplo, o límite será de 250 kg de nitróxeno e 100 kg de fósforo por hectárea e ano para millo forraxeiro e 200 kg de nitróxeno e 100 de fósforo en pradeira de menos de 5 anos. “Nas zonas de concentración gandeira non vai haber terras dabondo e vai haber problemas serios para poder botar o purín. É máis condicionante o fósforo a día de hoxe que o nitróxeno, porque os solos en Galicia teñen xa unha concentración moi alta”, afirma Elena.

Por iso, recomenda ás granxas que se atopen nesta situación optar por sistemas de separación e tratamento do xurro, como os instalados na zona da Terra Chá en SAT do Ferreiro, Casa Carballo ou SAT A Vereda.

“Convencer ao gandeiro ás veces non é doado”

A UE obriga a reducir un 16% as emisións de amoníaco a partir de 2030. Para cumprilo, o Goberno español estableceu unha redución do 45% para o amoniaco procedente da produción de leite e unha parte importante desas emisións orixínanse na almacenaxe e aplicación do xurro, algo que en parte se resolvería coa separación da fracción sólida da líquida.

 “A parte sólida ten moitos beneficios porque é un esterco distinto ao tradicional, porque ao pasar polo separador queda un material que ti estendes na terra facilmente e a liberación dos nutrientes é lenta, polo que os lixiviados son practicamente inexistentes, porque os nutrintes están en fase sólida. Nótase na colleita, porque todo o que botas aprovéitase, esa é a diferenza”, afirma.  

A fase líquida podería empregarse para regar con ela. “Ten moi pouca fibra e pode botarse incluso cando o millo está nacido, porque non se pega á folla”, di. Pero malia ás vantaxes que ten o sistema de separación, “ás veces convencer ao gandeiro non é doado”, asegura Elena.

221220 Foto Artigo 1 PAC con UE
Facebook
LinkedIn
Twitter
Telegram
WhatsApp
This site is registered on wpml.org as a development site.