Galicia e Portugal colaboran no proxecto europeo KICAP, unha iniciativa impulsada pola Fundación Juana de Vega para poñer en valor a innovación e modernización que se está a levar a cabo no sector agrario e gandeiro grazas ao apoio da Política Agraria Común.
Oleiros (A Coruña), 27 de outubro de 2022.- Galicia e Portugal colaboran no proxecto europeo KICAP, unha iniciativa impulsada pola Fundación Juana de Vega para poñer en valor a innovación e modernización que se está a levar a cabo no sector agrario e gandeiro grazas ao apoio da Política Agraria Común (PAC).
En concreto, baixo o lema “Impulsando o coñecemento e a innovación no rural co apoio da PAC”, o proxecto dun ano de duración, desenvolverase ata xullo de 2023 na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O seu obxectivo é informar á sociedade en xeral, e ao sector primario en particular, sobre a situación actual dos Sistemas de Coñecemento e Innovación Agrícola (AKIS, polas siglas en inglés) en Galicia e Norte de Portugal. Ademais, a iniciativa busca aumentar o coñecemento sobre as liñas de traballo da Política Agraria Común, especialmente no que se refire á súa contribución á innovación no agro. E é que a I+D+i é aínda máis clave nun escenario complexo de cambio climático e de necesidade de ser autosuficientes na produción de alimentos, de forma sostible e a prezos asequibles para toda a poboación.
Máis de 400 estudantes e representantes do agro de Galicia e Portugal participarán en KICAP
Durante os próximos meses, o proxecto KICAP ten previsto organizar unha serie de eventos e publicacións para explicar a contribución e as medidas de apoio da PAC á innovación e modernización do sector agrario e do rural.
Neste sentido, organizaranse seis xornadas nas que se prevé a participación de 360 alumnos de 14 centros educativos de Galicia e Portugal, vinculados en boa medida á formación dos futuros agricultores e gandeiros.
Ademais, o proxecto tamén organizará catro xornadas específicas nas que se prevé a participación de 80 axentes do AKIS de ambos os dous lados do Miño, entre agricultores, gandeiros, investigadores, asesores rurais e representantes das administracións competentes.
Estes eventos complementaranse coa publicación de 12 artigos divulgativos e microvídeos que explicarán con máis detalle e con exemplos prácticos como as medidas da PAC apoian a innovación e a modernización do sector para axudar a acadar os obxectivos de sustentabilidade económica, social e ambiental. Estes artigos e microvídeos estarán dispoñibles na páxina web do proxecto (www.kicap.eu) en galego, castelán e portugués.
Un comité asesor representativo do sector agrario en Galicia e Portugal
Durante a execución do proxecto KICAP, a Fundación Juana de Vega contará co apoio dun Comité Asesor integrado por expertos do ámbito da investigación e transferencia de coñecemento para o desenvolvemento rural tanto de Galicia como de Portugal, que participarán na revisión técnica e aspectos estratéxicos do proxecto.
Precisamente, este xoves celebrouse a primeira reunión do Comité Asesor do proxecto KICAP, na que participaron 12 representantes de entidades clave como a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, o Instituto Nacional de Investigação Agrária e Veterinária de Portugal; a Asociación de Asesores Rurais de Galicia; a Associação dos Jovens Agricultores de Portugal, ou a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias, entre outras.
Membros do Comité Asesor do proxecto KICAP:
- Juan Manuel Martínez Barral (Xunta de Galicia)
- Elena Piñeiro (Asociación de Asesores Rurais de Galicia)
- Ana Gloria Núñez Rodríguez (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias)
- Quico Ónega (LaboraTe – Universidade de Santiago de Compostela)
- Luis García (EFA Fonteboa)
- João Marques (Gabinete de Planeamento, Políticas e Administração Geral)
- Ana Pires da Silva (Instituto Nacional de Investigação Agrária e Veterinária)
- Artur Cristóvão (Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro)
- Pedro Rei (Associação dos Jovens Agricultores de Portugal)
- Maria Custódia Correia (Direção-Geral de Agricultura e Desenvolvimento Rural)
- José Manuel Andrade Calvo (Fundación Juana de Vega)
- Alfonso Ribas Álvarez (Fundación Juana de Vega)
Contacto para medios: 690 100 430 @KICAP #IMCAP #CAP