Galicia e Portugal colaboran no proxecto europeo KICAP, unha iniciativa impulsada pola Fundación Juana de Vega para poñer en valor a innovación e modernización que se está a levar a cabo no sector agrario e gandeiro grazas ao apoio da Política Agraria Común.
Oleiros (A Coruña), 11 de marzo de 2023.- Un total de 14 escolas de Galicia e Portugal participarán nos próximos meses nun proxecto europeo sobre a modernización do sector agrogandeiro grazas ás axudas e ás normas da Política Agraria Común (PAC). Farano a través do proxecto KICAP, unha iniciativa promovida pola Fundación Juana de Vega e cofinanciada polo Fondo para medidas de información no ámbito da Política Agraria Común (IMCAP) da Unión Europea.
En concreto, ao longo dos meses de marzo, abril e maio, alumnado de 7 centros de ensinanza galegos e outros tantos portugueses daranse cita en 6 seminarios que terán lugar nos centros de investigación de referencia da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Nestes seminarios, diversos expertos informarán aos máis de 350 alumnos que está previsto que asistan sobre a PAC e os AKIS, o sistema de axentes do sector agrogandeiro (produtores, asesores, investigadores, administración…) que interveñen na transferencia de coñecementos e modernización do campo.
Posteriormente, o alumnado procederá a un intercambio de experiencias en formato biblioteca viva con produtores, asesores e investigadores, para finalizar cunha visita ás instalacións.
Participantes
Por parte de Galicia participan os centros escolares EFA A Cancela, EFA Fonteboa, IES Monte Neme, CFEA Becerreá, IES Arzúa, CFEA Sergude, IES Xelmírez e CFEA Lourizán. E de Portugal participan no proxecto KICAP a Escola Secundária Monserrate, Escola Secundária Ponte de Lima, Escola Profissional de Agricultura e Desenvolvimento Rural de Marco de Canaveses, Escola Profissional de Agricultura e Desenvolvimento Rural de Vagos, Escola Profissional Agrícola de Conde de São Bento e a ETAP de Vila Praia de Âncora.
En canto aos centros de investigación, os seminarios celebraranse no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), en Abegondo (A Coruña), e na Misión Biolóxica de Galicia-CSIC, en Pontevedra. En Portugal terán lugar no Polo de Inovação de Vairão e na Escola Profissional de Agricultura e Desenvolvimento Rural de Vagos.
Este é o programa de seminarios do proxecto KICAP:
-17 de marzo no Polo de Inovação de Vairão: ETAP e EFA A Cancela
-12 de abril no CIAM: EFA Fonteboa, IES Monte Neme e CFEA Becerreá
-19 de abril no CIAM: IES Arzúa e CFEA Sergude
-21 de abril na MBG-CSIC: IES Xelmírez, ES Monserrate e ES Ponte de Lima
-27 de abril na EP Vagos: EP Vagos e EP Conde de São Bento
-4 de maio na MBG-CSIC: CFEA Lourizán e EP Marco de Canaveses
Informar sobre os Sistemas de Coñecemento e Innovación Agrícolas en Galicia e no Norte de Portugal
Baixo o lema “Impulsando o coñecemento e a innovación no rural co apoio da PAC”, o proxecto KICAP executarase ata o próximo mes de xullo. O seu obxectivo é informar á sociedade en xeral, e ao sector primario en particular, sobre a situación actual dos Sistemas de Coñecemento e Innovación Agrícola (AKIS, polas siglas en inglés) en Galicia e Norte de Portugal.
Ademais, a iniciativa busca aumentar o coñecemento sobre as liñas de traballo da Política Agraria Común, especialmente no que se refire á súa contribución á innovación no agro. E é que a I+D+i é aínda máis clave nun escenario complexo de cambio climático e de necesidade de ser autosuficientes na produción de alimentos, de forma sostible e a prezos asequibles para toda a poboación.
Máis información: https://kicap.eu/
Contacto para medios: 690 100 430
@KICAP #IMCAP #CAP