Cofinanciado por la Unión Europea. Las opiniones y puntos de vista expresados solo comprometen a su(s) autor(es) y no reflejan necesariamente los de la Unión Europea. Ni la Unión Europea ni la autoridad otorgante pueden ser considerados responsables de ellos.

PAC E AKIS

O papel esencial da PAC na modernización agraria

Cofinanciado por la Unión Europea. Las opiniones y puntos de vista expresados solo comprometen a su(s) autor(es) y no reflejan necesariamente los de la Unión Europea. Ni la Unión Europea ni la autoridad otorgante pueden ser considerados responsables de ellos.

As axudas procedentes da Política Agraria Común incentivan o redimensionamento das granxas, o incremento da súa rendibilidade e competitividade, así como os avances no eido ambiental e tecnolóxico

Os programas de apoio á modernización das explotacións agrogandeiras, coñecidos popularmente no sector como Plans de Mellora, son unha ferramenta fundamental para incrementar a competitividade e sustentabilidade do sector produtor de alimentos na Unión Europea.

Estes fondos, englobados dentro da Política Agraria Común, mantéñense no actual período de programación 2023-2027 para incentivar os investimentos nas explotacións encamiñados a  lograr dous obxectivos: o aumento da eficiencia produtiva e o seu respecto polo medio ambiente.

Pablo Gómez Casas é o xefe de servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario na Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, unha área desde a que se xestionan diversas liñas de axudas europeas destinadas á modernización das granxas, entre elas os Plans de Mellora.

“Esta medida é unha das máis importantes das que xestionamos, tanto pola súa dotación económica e polo número de beneficiarios, como pola súa importancia social no medio rural, xa que ten un efecto dinamizador moi importante”, afirma. 

No período 2016-2022 un total de 3.825 explotacións galegas foron beneficiarias de Plans de Mellora

Desde o ano 2016, nas 6 convocatorias incluídas dentro da actual programación, a Xunta concedeu Plans de Mellora a 3.825 explotacións beneficiarias e o importe global das axudas foi de case 187 millóns de euros, o que dá unha media por solicitante de case 50.000€ e un investimento total realizado nas explotacións de 427 millóns de euros.

Dos fondos da PAC proceden o 75% dos recursos destinados aos Plans de Mellora dentro dun esquema de cofinanciamento no que tamén participa o Goberno central e a Xunta de Galicia. Pero a maiores a Política Agraria Común “orienta ás explotacións cara uns investimentos ou outros”, salienta Pablo.

“Nós agora mesmo o que podemos subvencionar ten que contribuír directamente a mellorar os resultados económicos das explotacións, diversificándoas ou avanzando nunha orientación ao mercado, ou ben que eses investimentos contribúan á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e de amoníaco. Esas son as liñas que nos marca a PAC”, explica.

Novas prioridades a partir de 2024

Para o novo período, que comeza en 2024, a programación final non está aínda pechada, pero vai haber dúas prioridades, avanza Pablo: “por un lado continuarán subvencionándose os investimentos destinados a modernizar as explotacións, para que sexan máis rendibles economicamente a renda agraria dispoñible aumente; e haberá outra liña que irá cunha dotación orzamentaria distinta e que se centrará en investimentos relacionados coas necesidades medioambientais das explotacións”, detalla.

A última convocatoria, a de 2023, que vén de ser publicada, conta cun orzamento de 20,5 millóns de euros. “A previsión é esgotar a totalidade dos fondos, estimamos dar cabida a unhas 500 explotacións”, calcula Pablo.

Os Plans de Mellora son fundamentais para a modernización do agro galego

 “Os Plans de Mellora son fundamentais para a modernización do agro galego. As explotacións agrarias necesitan ser máis competitivas e adaptarse a un mercado cada vez máis esixente e, ao mesmo tempo, o sector agrario ten que acadar unha maior sustentabilidade para cumprir coas novas esixencias que marca a normativa ambiental. É unha demanda da poboación que todos nos preocupemos do medioambiente e os fondos da UE na PAC cada vez máis se irán dirixindo cara aí. As explotacións terán que orientarse cara a emisións cero e facer investimentos nesa liña e con ese obxectivo”, resume Pablo

500 millóns de euros para investimentos nas explotacións portuguesas

En Portugal, o Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) do ano 2020, vixente até 2024, ten na súa arquitectura catro áreas principais. Unha delas, focalizada na Competitividade e a Organización da Produción, dotada cun orzamento de 2.107 millóns de euros, é na que se inclúen un basto conxunto de medidas de apoio ao investimento nas explotacións e á transformación de produtos agrícolas.

Un total de 855 millóns de euros corresponden a investimentos nas explotacións agrogandeiras, dos que se beneficiaron 10.375 explotacións, cunha taxa de execución a 31 de decembro de 2022 do 71%.

“Estas axudas teñen sido moi importantes para mellorar a competitividade do mundo rural e van ter continuidade no novo período da PAC 2023-2027”, explica João Marques, da División de Agricultura e Desenvolvemento Sustentable do Ministerio de Agricultura portugués.

A nova PAC suporá para Portugal un total de 6.713 millóns de euros até 2027, dos que 2.853 millóns corresponden ao segundo pilar (apoios ao investimento). Deles, 502 millóns de euros destinaranse a investimentos nas explotacións agrogandeiras, con dúas liñas de actuación, ao igual que en Galicia: 335 millóns de euros para investimentos en modernización das explotacións e 139 millóns para investimentos para a mellora ambiental das granxas.

“O sistema de financiamento público de apoio ao investimento agrícola é a forma máis eficaz de axudar aos agricultores e gandeiros a manter a súa explotación actualizada”, defenden desde o Ministerio de Agricultura de Portugal.

Asesoramento dos AKIS na xestión dos Plans de Mellora

Tanto en Galicia como en Portugal, o persoal técnico que asesora ás explotacións, e que coñece de primeira man as súas necesidades, xoga un papel fundamental na tramitación dos Plans de Mellora. O sindicato Unións Agrarias (UUAA) xestiona entre 130 e 150 Plans de Mellora e entre 80 e 90 incorporacións ao ano, xa que moitas veces as dúas axudas van ligadas, como explica Óscar Pose, responsable do sector de leite, do que proceden a maior parte das solicitudes.

Na convocatoria do ano 2022 foron concedidos en Galicia 485 Plans de Mellora e 353 axudas de incorporación

Afirma que “a nivel de tecnificación é moderniazación o sector leiteiro galego é dos máis punteiros de Europa” e que “ese avance non sería posible sen estas axudas, que son un incentivo importante para investir nas granxas”, considera.

A maiores, os Plans de Mellora teñen un efecto dinamizador sobre as zonas rurais, posto que as obras e subministracións son acometidas na maioría dos casos por empresas locais, axudando así a fortalecer o tecido socioeconómico.

“É unha liña de axudas fundamental, sobre todo porque non esquezamos que por cada euro que se subvenciona o que se inviste é 3 veces máis, xa que a axuda é do 30%, é dicir, de cada 100 euros de subvención concedida o investimento realizado está en torno a 330 euros”, explica.

A visión do sector

A pesar do rol importante que teñen estas axudas, desde o sector destacan unha serie de áreas que é preciso mellorar. Desde a Associação dos Jovens Agricultores de Portugal (AJAP) consideran por exemplo os plans do Goberno “pouco ambiciosos” en relación ao número de novos agricultores que se pretende instalar, malia que se mellorou a contía dos apoios para os que o fagan. “O sector está moi envellecido e deberíase investir máis na instalación dun maior número de mozos”, defende o director xeral da AJAP, Firmino Cordeiro.

Desde organizacións de produtores como AJAP aseguran que “o sector non foi escoitado” no proceso de aprobación do Plan Estratéxico da PAC de Portugal, onde se fixan os criterios para o reparto das axudas nos vindeiros anos. “As opinións e comentarios das entidades ligadas ao sector pouco foron tidas en conta”, asegura Firmino. Sobre as axudas para a modernización das granxas, considera que “chegan demasiado lentamente aos beneficiarios”.

A lentitude na tramitación e a escaseza de fondos está a impedir que a xente moza se achegue ao sector

É algo do que se queixa tamén Norberto Gonçalves, socio da gandería Encanto Natural, ubicada en Poiares (Ponte de Lima) e dedicada á produción de leite. Queren facer unha ampliación da granxa e instalar dous robots de muxido, para o que presentaron unha solicitude de axuda que levan un ano agardando a que se resolva. O seu fillo Norberto quedou tamén fóra das axudas de incorporación. “A lentitude na tramitación e a escaseza de fondos está a impedir que a xente moza se achegue ao sector”, considera.

Os mesmos problemas foron detectados en Galicia na última convocatoria de axudas resolta, a do 2022. “É preocupante o alto número de Plans de Mellora e incorporacións denegados; houbo medio cento de mozos que non puideron cobrar a axuda por falta de orzamento”, explica Óscar Pose, que pide tamén que se corrixan “problemas burocráticos que impiden que un mozo que se incorporou o ano pasado non poida pedir este ano un Plan de Mellora.  É algo ilóxico e está afectando ás explotacións máis dinámicas”, quéixase.

230322 Foto granxa PT disclaimer
Facebook
LinkedIn
Twitter
Telegram
WhatsApp
This site is registered on wpml.org as a development site.