Oleiros (A Coruña), 23 de xuño de 2023.- Expertos galegos e portugueses reuníronse o pasado xoves, 22 de xuño, na sede da CIM Alto Minho en Valença nun seminario sobre “Cooperación transfronteiriza para un rural máis innovador na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”.
Esta actividade foi organizada polo proxecto KICAP, unha iniciativa transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal promovida pola Fundación Juana de Veja e cofinanciada polos Fondos para medidas de información no dominio da Política Agrícola Común (IMCAP) da Unión Europea.
A xornada comezou coa benvida por parte de Alfonso Ribas, director de innovación da Fundación Juana de Vega, e a presentación do proxecto KICAP, a cargo de Tania Gesto, técnica da fundación.
A continuación, Xurxo Loureiro Veira, da Universidade de Santiago de Compostela, explicou as ferramentas europeas para promover a innovación na agricultura: a EIP Agri e a EU CAP Network.
Neste sentido, e como exemplo de boas prácticas para fortalecer o AKIS na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, Francisca Viveiros, da consultura portuguesa CONSULAI, presentou o proxecto i2connect.
Tras a quenda de preguntas, o seminario transfronteirizo do proxecto KICAP continuou cunha sesión de traballo interativa sobre oportunidades e desafíos do AKIS galego-portugués (metodoloxía Lego Serious Play), coordinada por ENSO Mediación.
@KICAP #IMCAP #CAP