Cofinanciado por la Unión Europea. Las opiniones y puntos de vista expresados solo comprometen a su(s) autor(es) y no reflejan necesariamente los de la Unión Europea. Ni la Unión Europea ni la autoridad otorgante pueden ser considerados responsables de ellos.

PAC E AKIS

Dous casos de éxito no cooperativismo: os viños de Favaios e a carne da Carqueixa

Cofinanciado por la Unión Europea. Las opiniones y puntos de vista expresados solo comprometen a su(s) autor(es) y no reflejan necesariamente los de la Unión Europea. Ni la Unión Europea ni la autoridad otorgante pueden ser considerados responsables de ellos.

Visitamos dúas cooperativas de referencia na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que reciben apoios da PAC, a adega de Favaios, no Alto Douro, que aglutina 481 socios e 1.200 hectáreas de viñedos, e A Carqueixa, nos Ancares lucenses, que coas súas iniciativas de venda directa está a lograr para as súas granxas socias prezos ata un 15% superiores aos do mercado

Impulsar o desenvolvemento rural e o emprego nas áreas rurais é un dos obxectivos principais da Política Agraria Común (PAC). Nesa liña, o cooperativismo, artellado en torno a comunidades locais e á economía social, ten moito que dicir. Visitamos dúas cooperativas que representan dous casos de impacto na súa contorna: A Carqueixa, dedicada á cría e comercialización de carne vacún nos Ancares lucenses, e a adega vitivinícola de Favaios, unha referencia no Alto Douro portugués.

Ambas entidades canalizan a comercialización da produción dos seus socios e préstanlles servizos de asesoramento e compras en conxunto. 

A Carqueixa destacou nos últimos anos polas iniciativas de venda directa da carne dos seus socios, unha liña para a que tivo apoios de desenvolvemento rural da PAC, tanto do GDR Montes e Vales Orientais como dun grupo operativo de innovación. 

Pola súa banda, a adega de Favaios está inmersa nestes momentos nun proxecto de ampliación, cun investimento de 1,2 millóns de euros que se cofinancia en parte con fondos europeos da PAC. “A nosa cooperativa está moi orientada cara aos viños brancos e os viños de Moscatel ;agora queremos facer un proxecto de ampliación e modernización na adega de cara a impulsar os nosos viños tintos”, salientan.

En apoios directos da PAC aos produtores, os gandeiros da Carqueixa reciben axudas directas que representan arredor do 50% da súa renda, a parte de posibles apoios suplementarios para investimentos. No caso dos viticultores de Favaios, os apoios céntranse en subvencións para a promoción da agricultura integrada, con menor impacto no medio ambiente, e en procesos de reestruturación de viñedo.

Sobre as importantes axudas directas da PAC que perciben as ganderías dos Ancares, o xerente da Carqueixa, Román Sánchez, fai fincapé en que “está ben entender que a Política Agraria Común, máis que unha axuda aos gandeiros, representa un apoio aos consumidores. De non existir estas axudas, os prezos da carne terían que ser moito máis elevados”, apunta.

Favaios e a paisaxe vitícola do Alto Douro

A Adega-Cooperativa de Favaios foi fundada no ano 1952 e tivo a súa primeira vendima catro anos máis tarde. Foi creada por viticultores de Favaios, unha vila situada na parte alta do Douro portugués, onde estaban descontentos cunha nova normativa pola cal os viños producidos por encima dos 650 metros quedaban excluídos dos licorosos do Porto. “Isto xerou un revés moi forte para a parroquia de Favaios, o que levou a agricultores á ruina porque tan só podían facer viños normais de consumo, mentres que os que daban o diñeiro eran os viños de Moscatel e do Porto”, explica o presidente, Mario Monteiro.

Ese descontento levou aos viticultores de Favaios a conformar unha cooperativa para combater a situación xerada polo cambio de lexislación, “e permitiulles afrontar mellor os desafíos que eles tiñan”, destaca Mario Monteiro. Co tempo, aquela normativa solventouse e a cooperativa de Favaios quedou como referente. 

Hoxe en día, a adega de Favaios ten 481 asociados, dá emprego a 41 persoas e abarca unha superficie de 1.200 hectáreas de viñedo, 700 das cales son de Moscatel Galego Branco, 300 hectáreas de uvas tintas e a superficie restante é doutras variedades brancas. A súa gama de viños, especializada no Moscatel branco e nos viños de Porto, comercialízase en 22 países.

A parte alta de Favaios é unha zona na que os viños brancos, e especialmente os da caste Moscatel, danse moi ben. Unha cuestión que caracteriza a colleita da zona é a ampla presenza da uva Moscatel Galega Branca e Tinta, en torno a un 60% da produción. “Dise que veu de Galicia porque nós estivemos conectados, por exemplo meu bisavó é galego, e ao igual ca min moitas persoas da zona teñen antepasados de Galicia, amplía o presidente. 

En uvas tintas, a Cooperativa de Favaios traballa unha gama ampla: Tinta Roriz, Tinta Barroca, Touriga Franca e Touriga Nacional, entre outras.

Unha das garantías claras que lle aporta a cooperativa aos seus socios é a compra de toda a súa colleita a prezos competitivos, “por riba dos que se pagan no mercado”, subliñan desde a dirección. 

A maiores da comercialización da uva, a cooperativa de Favaios ofrécelle unha gama ampla de servizos aos socios, entre os que destaca o asesoramento. “Nós temos un departamento agrícola no que están traballando tres enxeñeiros para aconsellar aos agricultores na conducción da viña, así como para axudar a facer mellor a plantación e produción. Tamén apoian ao produtor para xestionar axudas de novos proxectos e mesmo á planificación dos mesmos”, comenta Mario Monteiro.

A Carqueixa, gandería de alta montaña

A Cooperativa A Carqueixa é outro dos exemplos no que a cooperación e a agrupación favorece ao sector produtor. Naceu no ano 1994 para eliminar intermediarios tanto para compra de subministración como na negociación conxunta para a venda dos becerros. Hoxe en día conta con 215 socios repartidos pola montaña dos Ancares, dedicados á cría de vacún de carne, baixo a certificación de Ternera Gallega Suprema. O gando críase en extensivo, nun contexto de alta montaña no que as granxas que engloban á cooperativa apostan pola cría tradicional dos animais. Deste xeito, a súa alimentación fundaméntase na lactancia materna ata os 6-7 meses, complementada con pastos e forraxes.

Nos últimos anos, a actividade da Carqueixa “deu un paso máis para a evitar intermediarios na comercialización e venda directa da produción”, apostando por “facelo nós mesmos, tanto por internet como nunha carnicería propia que temos na Praza de Abastos en Lugo desde hai un ano e medio”, explica o xerente da Carqueixa, Román Sánchez. 

A iniciativa da venda directa por internet xurdiu no ano 2019, pero daquela só vendían en lotes de 5-10kg. “Froito de que a carne gustou, e que a comercialización foi mellorando, fomos permitíndolle á xente escoller as partes que máis lle interesaban, ata agora, que montamos a carnicería e xa sae todo de aí”, sinala.

Hai tres meses iniciaron, ademais, outra liña de actividade, coa comercialización de comida elaborada por dous restaurantes dos Ancares:Campa da Braña (Cervantes) e Bar Xergunde (Navia de Suarna). 

“A venda directa a través de todas as iniciativas é unha vía que axuda a que os becerros dos socios obteñan uns prezos medios máis altos, entre un 10% e un 15%, ademais de ter un control de todo o proceso. Estase demostrando que este é un bo camiño para ter mellores prezos e que haxa vida nos Ancares”, valora.

Con esta filosofía, a cooperativa está a aumentar o número de asociados e a recuperar ganderías que se mantiñan como socias pero que na práctica non comercializaban coa Carqueixa a súa produción.

A maiores da comercialización dos becerros, A Carqueixa realiza unha función de asesoramento e de compra en conxunto de insumos. 

Diversificación: castaña dos Ancares

É de destacar tamén que, a maiores da produción de carne, A Carqueixa emprendeu nos últimos anos unha tarefa de recuperación da comercialización da castaña dos Ancares. Teñen en marcha un proxecto de limpeza de preto de 40 hectáreas de soutos “xa que vemos unha gran potencialidade nas máis de 2.000 hectáreas de castiñeiro que hai nos Ancares, a pesar de que agora estean nun punto baixo por mor da avispilla”, sinalan. Deste xeito, a castaña está a converterse nunha fonte complementaria de ingresos ,ademais dunha aposta pola producción sostible aproveitando os recursos naturais do territorio.

230608 Foto con disclaimer
Facebook
LinkedIn
Twitter
Telegram
WhatsApp
This site is registered on wpml.org as a development site.